5.23.2005

Un pequeno exito

A concentración-voda que a Federación Aturuxo convocou e celebrou na Coruña o domingo 22 de maio foi un pequeno éxito. Un exitiño. Empezando polo malo, é evidente que non había moita xente. Non había moitas parellas dispostas a casar nin tampouco moitos convidados. A hora? O sitio? O día? Quen sabe... A prensa fala de cen persoas, que non está mal, pero debemos reflexionar por que non fomos capaces de mover máis xente ou por que especialmente había máis xente de fóra que da propia A Coruña.

Pero vaiamos á parte positiva. Incluso positivísima: o acto quedou bastante ben. Os medios, que andan á busca de morbo, láianse de que non houbese vestidos de noiva e grandes padriños. Non era iso o que se pretendía, e quen iso buscaba non entendeu seguramente nada. Fomos un pouco máis informais, pero o acto quedou xeitoso. Quedou xeitoso coa bandeira do arco da vella, co marco incomparábel da praza e co preciso e precioso discurso do oficiante, que reproducimos un par de posts máis abaixo.

Outro dos éxitos: a grande acollida dos medios de comunicación. Ás veces hai que poñer un cebo espectacular, coma unha voda, para que atendan as nosas lexítimas reivindicacións de dereitos. Aínda que sexa traizoarnos un pouco. Saíu nalgúns medios de prensa, pero apareceu tamén en radios e televisións. Na situación en que estamos, calquera espazo nos medios é ouro.

E outro dos éxitos: xuntarnos unha vez máis a maioría dos colectivos de homosexuais, bisexuais e transexuais de Galiza e dar moitos pasos (e moi ben dados) para a celebración do Orgullo 2005. Vémonos en Lugo o 2 de xullo.

Prensa

So unha cousa fica prohibida

Palabras ditas polo oficiante, Óscar Sánchez, durante a cerimonia da voda-protesta.

"Hai cousas que resultan tan claras e evidentes que case non paga a pena pararse en dar moitas explicacións sobre elas. A cuestión do matrimonio homosexual é un deses temas. Paréceme que só poden estar en contra del aqueles que renuncian a un pensamento humanista, libre e crítico, e prefiren agacharse na comodidade do que lles dicta a súa fe.

Por que... como negarlles o seu dereito a casaren a uns adultos que deciden facelo no exercicio da súa liberdade? Como dicirlles que por amaren a persoas do seu mesmo sexo fican fora dun dereito que porén si lle pertence ás parellas heterosexuais?

Nas vodas sempre hai alguén que le algún texto fermoso, que nos convide a pensar e sirva para lembrarmos que o verdadeiro fundamento dunha unión é o afecto. Eu escollín uns versos dun poeta brasileiro, Thiago de Mello, quen nos "Estatutos do Homem" inclúe estes dous "parágrafos únicos":
O homem confiará no homem como um menino confia em outro menino.
Só uma coisa fica proibida: amar sem amor
".

5.19.2005

Unha voda polos nosos dereitos

Os homosexuais xogámonos moito no Senado. A cámara baixa pode aprobar ou rexeitar a reforma do Código Civil que nos concede os mesmos dereitos ca aos heteros por un voto ou dous.

Por iso queremos facer unha concentración na Coruña, para dicirlles aos nosos senadores e senadoras que queremos que voten SI. E xa postos a buscar unha escenografía, qué mellor que montar unha voda? Así que o domingo 22 de maio, na coruñesa praza de María Pita, estaremos moitos e moitas coas nosas parellas auténticas ou coas falsas, dispostos a casar e protestar. Dispostos a reclamar os nosos dereitos.

E despois de toda voda que se prece, un vermú, claro.

Así que o mellor que podes facer este domingo e vir casar con nós. Podes vir vestido de noivo, de noiva, de convidado/a ou do que queiras. Podes vir namorado ou buscando parella libre. Podes vir casar ou apadriñar/amadriñar. O importante é que veñas e que digas canda nós polos nosos dereitos, tamén no Senado.

Cando e onde?

LUGAR: Praza de María Pita, na Coruña
DÍA: Domingo 22 de maio
HORA: 13:00 h.

Por que?

Dentro duns días votarase no Senado a reforma do Código Civil que nos vai permitir a homosexuais e heterosexuais ter os mesmos dereitos xurídicos.

O Senado ten capacidade para rexeitar a reforma, co que volvería ao Congreso, onde podería ser aprobada de novo e definitivamente. Pero sería unha reforma ben discutida e de medio pelo se só tivese o apoio dunha das cámaras. Peor sería se o Senado decide presentar emendas que reduzan ou restrinxan os nosos dereitos. Por exemplo, que limiten a opción da adopción ou que procuren un nome distinto para o que é o mesmo: o matrimonio.

Obter ou non unha maioría no Senado é cuestión dun voto, así que a opinión de cada senador/a é importante. Por iso é necesario que lles digamos aos nosos senadores e senadoras que esta reforma é necesaria. Que voten SI. Díllelo con nós, na Coruña.

Que pode pasar no Senado?

Estes son os senadores e senadoras galegos: César Aja (PP), Manuel Cabezas (PP), Francisco Cacharro Pardo (PP), Belén do Campo (PP), José Manuel Cores (PP), Enrique Curiel (PSOE), Mercedes Gallego (PP), Luis Lago Lage (PSOE), César Mera (PP), Evaristo Nogueira (PP), Miguel Pampín (PP), Corina Porro (PP), Anxo Quintana (BNG), Cándido Rodríguez (PSOE), Fernando Rodríguez (PP), Amador Vázquez (PP), Francisco Vázquez (PSOE), V. Vázquez Portomeñe (PP), Isaac Vila (PP).

O Partido Popular anunciou o seu voto en contra da reforma. O PSOE anunciouno a favor. E o senador do BNG comprometeuse diante dos colectivos gais e lésbicos de Galiza a acudir ao Senado en plena campaña e votar si.

Pero entre os senadores socialistas hai un, Francisco Vázquez, que avisou que non iría ao Senado o día da votación. Pero todos os votos son importantes, e agora máis!!! A decisión final sobre os nosos dereitos pode estar na man dun só senador, dunha soa senadora.

Convocan:

Federación Aturuxo de colectivos lésbicos, gais, bisexuais e transexuais

Milhomes (A Coruña)
BOGA (Compostela)
CGC (Compostela)
ALAS (Lugo)
Legais (Vigo)
Raras Somos Todas (Vigo-Pontevedra)